O interese polos grupos ou formacións que perduraron ao longo do tempo deixando un pouso especial na sociedade, é clave nun traballo de investigación coma o que temos entre as mans. Lembranzas de tempos idos e de persoas recordadas co maior dos agarimos, ata tal punto que mesmo pasado tempo da súa ausencia, a xente segue a recordalos con anhelo. Cantas persoas de Rois namorarían ao son da música e danzando cos nosos protagonistas… Estamos a falar dos grupos senlleiros, exemplo claro:Brisa de San Mamede, que puidemos reunir neste traballo e chegaron ata os nosos días grazas á memoria atemporal dalgún transmisor ou, na mellor das sortes, a membros dos mesmos para os casos máis recentes. Como poderemos comprobar, Rois posúe un potencial de incalculable valor en canto á cultura inmaterial se refire, o que resultou decisivo para a realización deste estudo. Ao longo do tempo consolídanse e forman parte da historia do concello e da tradición galega un amplo abano de formacións musicais: grupos de pandeireteiras; como o das Pandeireteiras de Buxán, pioneiras en canto á idiosincrasia grupal: por un lado, conforman un conxunto de voces mixto, acompañados só de pandeiretas; e polo outro, funcionan de forma profesional, cobrando por actuación,. Requintas ou charangas; destacado exemplo é o a `Requinta dos Portelas’ de Moares, quen na propia evolución musical do conxunto dan en se conformar como unha verdadeira orquestina que interpreta as súas melodías en diversos salóns de baile. Cuartetos, como: Os Xaneiros son os que verdadeiramente acadan o rango de profesional en toda a extensión da palabra, pois chegan a vivir exclusivamente das actuacións solistas; o Sr. Ramiro da Casa do Vento, Sr, Jose do Faro,..etc. Exemplo que souberon ver xeracións vindeiras de fillos, netos e veciños que, como eles mesmos afirman: “Levamos a nosa música con moito orgullo por alá onde imos”. Recollida polos diferentes colectivos actuais como son: Albaroque, Xoldra, OCT Chorima, Leña Verde, .... Co gallo de lle dar especial recoñecemento a todas as persoas anónimas que desde o Concello de Rois contribuíron e contribúen a conservar o que nos identifica coma pobo, vaia este libro en homenaxe a elas e a eles.